Desde o Plan de Emprego de Cruz Vermella trabállase para acompañar no seu camiño cara ao emprego a persoas afastadas do mercado laboral e aquelas en risco de exclusión social. Son homes e mulleres que nese camiño tópanse con diferentes obstáculos e dificultades ás que agora hai que engadir os cambios provocados pola crise da COVID-19. E para mellorar a súa empregabilidade e que cheguen a ter un posto de traballo, desde a Organización humanitaria considérase fundamental a implicación do tecido empresarial.
Neste sentido, co obxectivo de dar a coñecer o Plan de Emprego de Cruz Vermella e promover a igualdade de oportunidades e de trato no mercado laboral realizouse a pasada fin de semana unha campaña de sensibilización na Coruña, Narón e Santiago de Compostela. En concreto, entre o 25 e o 27 de xuño os clientes de comercios e restaurantes de hostalería de Marineda City, do Centro Comercial As Cancelas e de diferentes establecementos da comarca de Santiago de Compostela e da zona comercial da Gándara en Narón recibiron coas súas compras un set de cubertos de fibra de bambú. En total, foron 197 os establecementos que se uniron á campaña, establecendo así novas alianzas de colaboración coa nosa Organización.
“Somos conscientes de que sós non podemos cambiar a nosa contorna. Por iso as empresas son un socio fundamental para os nosos proxectos de emprego, xa que son quen na práctica poden ofrecer unha oportunidade de acceso ao mercado laboral para as persoas coas que traballamos”, explica Mery Gómez, responsable provincial do proxecto “Reto Social Empresarial” de Cruz Vermella A Coruña.
E é que as empresas que colaboran co Plan de Emprego son fundamentais para o desenvolvemento do proxecto, pois permiten aos participantes mellorar a súa empregabilidade a través de visitas de orientación, realización de prácticas formativas non laborais ou ben obter un contrato, entre outros. En definitiva, son empresas que rompen cos estereotipos e bríndanlles oportunidades laborais a persoas que realmente o necesitan e, sobre todo, danlles a oportunidade de demostrar o seu talento, a súa motivación e a súa profesionalidade.
Esta iniciativa forma parte do proxecto Reto Social Empresarial, do Plan de Emprego de Cruz Vermella, e se leva a cabo co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social e do Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES).