A poboación maior de 65 anos móstrase satisfeita coa súa calidade de vida en tempos da pandemia do coronavirus. Este é un dos resultados dunha enquisa realizada pola Cátedra Cruz Vermella Española-USC entre preto de medio milleiro de persoas de 65 ou máis anos en Galicia, concretamente 7 de cada 10 móstranse satisfeitas e conformes coa súa calidade de vida a pesar do contexto actual condicionado pola COVID-19.
Esta mañá tivo lugar un acto de presentación no Centro de Estudos Avanzados da USC nun acto no que interviñeron o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa; a presidenta de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro; o director da Cátedra, Fidel Martínez Roget e o co-director da mesma, Manuel Gandoy.
Os aspectos mellor valorados, ademais das condicións dos seus propios fogares para cumprir as medidas de illamento social -cunha puntuación media de 4,07 sobre 5-, son os relacionados coas dimensións de relación social e psicolóxica, así como o apoio social que reciben (3,84 sobre 5) ou as relacións persoais coas que contan (3,81 sobre 5). Pola contra, entre as cuestións con valoracións máis baixas destacan as oportunidades de lecer das que dispoñen ou os recursos económicos cos que contan.
“Nun contexto de enormes dificultades, as persoas maiores demostraron unha importante capacidade de resistencia, xa que case a metade valoran como ‘boa’ ou ‘moi boa’ a súa calidade de vida”, sinalou Fidel Martínez Roget, Ademais, engadiu que “as percepcións positivas aumentan coa idade, o que pon de manifesto a resiliencia derivada da experiencia acumulada co paso dos anos”.
Carmen Colmeiro destacou que “queriamos compartir estes primeiros datos e dalos a coñecer porque son moi interesantes e reveladores. Falamos de cuestións tan importantes como a capacidade de resistencia das persoas maiores, a importancia da solidariedade en situacións de emerxencia ou a percepción que elas mesmas teñen sobre a súa consideración social e mediática”.
A finalidade do estudo, realizado entre os días 3 e 12 de novembro con 411 persoas, é detallar a realidade percibida pola poboación de maior idade en Galicia a partir das súas propias opinións e en relación á situación provocada pola COVID-19.
Aínda que destes primeiros resultados xa se é posible extraer conclusións, a Cátedra Cruz Vermella Española-USC profundará na análise de datos nos próximos meses para elaborar unha investigación máis detallada da situación das persoas maiores en Galicia.