Síguenos


A campaña “No emprego, conectados polo talento” chega á hostalería ourensá

Non é a primeira vez que a campaña “No emprego, conectados polo talento” chega á cidadanía ourensá a través do tecido empresarial. Nesta ocasión facémolo co sector da hostalería, trala realización nos últimos meses do curso “Servizos de restauración e preparación de pedidos en liña”, para o que contamos con profesionais tanto en sesións de orientación grupais como para as prácticas do alumnado, facilitando así a súa incorporación ao mercado laboral.

 

Un total de 30 establecementos de hostalería de Ourense colaboran con esta campaña do Plan de Emprego de Cruz Vermella, cuxo obxectivo é promover a igualdade de oportunidades e de trato no mercado laboral traballando en estreita colaboración coas empresas.

 

Participan na campaña os seguintes establecementos: Cafetería Babalú, A Zamorana, Asgalla, Tyché, A Coruñesa, Bohemia 2, Pannacotta, Costela, Rías Altas, En Xogo, Tapería JP, Casa Toñita, Tribunal, Xeadería Bianca, Café-bar Hermida, O Asturiano, Paraxe, Titanic, Cafeterías das facultades Politécnica e xurídica-empresarial, Restaurante Coto, Cafetería Galena, A Zapatería do Avó,  Café-bar Ponte dos Frades, Café-bar A Oficina, Hospedaxe Sequeiros, Merendeiro Pato Rojo, bar O Petisco, Cafetería Lateral e Restaurante Tagliatella.

 

Concretamente, distribuirán entre os seus clientes xeles hidroalcohólicos coa mensaxe “No emprego, conectados polo talento”, cos que se convida á cidadanía en xeral e ás empresas en particular a reflexionar sobre a importancia de primar o talento das persoas fronte a posibles prexuízos e estereotipos no seu acceso ao emprego.

 

Desde o Plan de Emprego trabállase para acompañar no seu camiño cara á inserción a persoas afastadas do mercado laboral e en risco de exclusión social. Son persoas que nese camiño atopan diferentes dificultades ás que agora hai que engadir os cambios provocados pola crise da COVID-19. E para mellorar a súa empregabilidade e que cheguen a ter un posto de traballo, desde a Organización considérase fundamental a implicación do tecido empresarial.

 

Precisamente un dos obxectivos desta nova campaña é que máis empresas se sumen a este reto, establecendo novas alianzas de colaboración con Cruz Vermella. Trátase de empresas que colaboran e permiten aos participantes mellorar a súa empregabilidade a través de visitas, sesións de orientación, prácticas formativas non laborais ou xestión de ofertas, entre outros. En definitiva, son empresas que rompen cos estereotipos e bríndanlles oportunidades laborais a persoas que realmente o necesitan e, sobre todo, danlles a oportunidade de demostrar o seu talento, a súa motivación e a súa profesionalidade.

 

Esta iniciativa, que se ten desenvolvido tamén noutras cidades galegas, forma parte do proxecto Reto Social Empresarial, do Plan de Emprego de Cruz Vermella, e conta co financiamento do Goberno de España e do Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES).

 

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email