Síguenos


Comision_bienestar_vigo

Cruz Vermella Galicia participa na Comisión de Benestar do Porto de Vigo

A presidenta de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro Rojo, participou na sinatura do regulamento da Comisión de Benestar do Porto de Vigo, unha iniciativa que velará pola convivencia e o diálogo na comunidade marítima. En concreto, trátase dun proxecto pioneiro en Galicia cuxo obxectivo principal pasa por mellorar a calidade de vida das persoas que traballan e visitan o porto, apostando pola unión de sinerxías entre entidades públicas e privadas como mellor sistema de participación para a detección de carencias e a busca de solucións.

 

As institucións que forman parte desta Comisión únense para fomentar a preocupación polo factor humano e expoñer e debater os posibles problemas de índole social que poidan presentarse na actividade marítima, así como para buscar solucións. Tamén ten entre os seus fins vixiar que se presten servizos de benestar adecuados para a xente do mar e verificar que as instalacións existentes sigan sendo axeitadas, entre outros obxectivos.

 

Ademais de Cruz Vermella Galicia, participaron na sinatura do regulamento da Comisión de Benestar a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo, Stella Maris, Capitanía Marítima, Salvamento Marítimo e o Instituto Social da Mariña de Vigo, o Hospital Álvaro Cunqueiro, a International Transport Workers Federation, ARVI, a Cofradía de Pescadores de San Francisco, a Asociación de Empresas Consignatarias e Estibadoras de Buques da provincia de Pontevedra, a Corporación de Prácticos del Puerto y Ría de Vigo, SLP e Accem. A elas poderán unirse outras entidades nun futuro, pois a Comisión é un ente vivo e contará co apoio das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

 

Estratexia Blue Growth

Esta iniciativa forma parte da estratexia de Crecemento Azul ou Blue Growth, unha filosofía da política marítima europea que en Galicia lidera o Porto de Vigo co obxectivo de que sirva de modelo para outros. Esta ferramenta recoñece a importancia do mar como motor da economía europea polo seu gran potencial innovador e de crecemento, apoia o crecemento sustentable do emprego e da riqueza vencellada a el e contribúe a mellorar as condicións de traballo e de futuro das persoas que viven do mar. Así, froito desta estratexia, naceron proxectos como a Lonxa 4.0, estreada recentemente e que constitúe a primeira gran rula de Europa en funcionar con enerxías renovables con almacenamento, o que permitirá optimizar o balance enerxético do edificio e reducir o seu consumo anual.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email