Síguenos


345 nenos e nenas reciben apoio lúdico-educativo de Cruz Vermella e a Deputación de Ourense

Cruz Vermella atendeu a 345 nenos e nenas a través do proxecto de “Promoción do éxito escolar de nenos e nenas en situación de dificultade social” cofinanciado pola Deputación de Ourense. Trátase dun proxecto que ten como obxectivo protexer e acompañar a nenos e nenas que polas circunstancias socio-económicas das súas familias se atopan en situación de desigualdade no proceso educativo, afectando tanto á súa integración social, como ao seu desenvolvemento emocional e ao rendemento académico.

 

Coas distintas intervencións reforzouse a súa aprendizaxe de tipo educativo co apoio na realización de tarefas escolares, facilitouse o acceso a actividades de lecer, así como actividades de promoción de hábitos sociais e saudables, de educación ambiental, prevención de condutas violentas, educación non sexista e valoración da diversidade. Paralelamente ofreceuse un soporte integral ás familias, orientándoas sobre recursos internos e externos para cubrir as súas necesidades.

 

Conscientes da existencia de novas formas de participación e novas formas de distribución do tempo libre, realizouse un labor de dinamización e oferta de espazos que permitisen o empoderamento da mocidade como persoas con valores sociais e de cidadanía, facendo especial atención a lograr esa participación na vida da contorna rural. Neste sentido, o xogo cobra especial importancia polo seu papel no desenvolvemento educativo.

 

En total, o proxecto foi levado a cabo grazas ao traballo de 8 monitores/as (xornada parcial) e 104 persoas voluntarias, que realizaron máis de 13.800 intervencións. Para o desenvolvemento deste proxecto de promoción do éxito escolar, Cruz Vermella conta co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, que se suma aos fondos propios da Organización.

 

O respaldo da Deputación de Ourense supón unha vez máis un impulso importante ao traballo realizado desde as asembleas comarcais de Cruz Vermella na provincia, que atenden aos colectivos de poboación que necesitan maior protección social e axuda, traballando desde a proximidade grazas ao desprazamento do labor voluntario aos núcleos de poboación máis afastados dos recursos, e con maiores dificultades de comunicación para estas familias.