O 30 de xaneiro de 2020 aparecía o primeiro caso de Covid-19 en España e o 14 de marzo o goberno nacional decretaba o estado de alarma en todo o país para facer fronte á expansión do coronavirus. Nese momento, desde Cruz Vermella poñíase en marcha a maior operación da súa historia en canto á mobilización de recursos, capacidades e persoas. En total, desde aquela data, a Organización Humanitaria ha apoiado a máis de 100.000 persoas na Comunidade Autónoma de Galicia, un terzo delas na provincia da Coruña.
Pero detrás de cada cifra hai unha persoa, unha historia e unha necesidade á que dar resposta, e é así como nace Regueiros. Trátase dun documental realizado baixo a dirección do reputado xornalista español Antonio Pampliega, con produción de Makers Studio, e cuxo obxectivo é dar a coñecer á poboación os labores realizados por Cruz Vermella durante a pandemia.
Gravado o pasado mes de maio durante o confinamento, o documental percorre a vida de seis protagonistas que reflexionan sobre como foi o seu día a día desde o comezo da pandemia e como Cruz Vermella estivo presente nel, xa sexa mediante o apoio para cubrir necesidades básicas, o acompañamento telefónico durante as semanas de confinamento, o apoio para continuar coas tarefas escolares en liña ou mediante atención psicosocial a pacientes Covid-19 e os seus familiares. Neste sentido, “ Regueiros” aborda estas situacións con naturalidade, con proximidade e a través de historias humanas e repletas de emotividade.
Pero, ademais, trátase dun material que nos permite facer unha retrospectiva a marzo de 2020, coas rúas baleiras e a maior parte da poboación confinada en casa, e permítenos reflexionar sobre como a pandemia afectou ás familias de múltiples formas e en diferentes ámbitos.
Por último, “Regueiros” é tamén unha homenaxe ao voluntariado de Cruz Vermella, ás persoas socias, ás empresas colaboradoras, ao persoal técnico e á sociedade porque, sen o seu apoio, a Organización non podería dar unha resposta integral a cada unha das persoas que están representadas nos protagonistas desta historia.
En palabras de Mercedes Casanova, presidenta provincial de Cruz Vermella A Coruña, “Regueiros é un material co que quixemos deixar constancia do que foi un momento histórico no que descoñeciamos o que ía pasar. É un documental que capta unha etapa das nosas vidas na que o medo e a incerteza estaban presentes, e recolle á perfección as sensacións e sentimentos que vivimos en pasado pero que vivimos no presente tamén, xa que moitos dos feitos que se plasman seguen vixentes nas nosas vidas. Ademais, con el quixemos dar a coñecer o noso labor durante a pandemia a través dos ollos dos que foron os principais protagonistas, é dicir, os beneficiarios dos nosos proxectos, e fixémolo como un exercicio de responsabilidade con todas as persoas que nos apoiaron neste tempo”.
Pola súa banda, o xornalista Antonio Pampliega engade que “para min foi unha gran oportunidade profesional e persoal poder vivir e contar este momento histórico. Debido á miña traxectoria profesional sempre traballara fóra de España, e grazas a Cruz Vermella tiven a oportunidade de documentar a Covid-19 no meu país. Espero estar á altura das circunstancias”.
Detalles técnicos
A produción de Regueiros realizouse coa cámara Kinefinity Mavo LF, cun xogo de ópticas fixas Stándard Prime, que o equipo de Makers Studio elixiu pola súa versatilidade e o seu característico look. Ademais, rodouse a unha resolución de 6 K, en formato panorámico 2:35 (con barras horizontais).
Tanto o documental como o vídeo promocional do mesmo están dispoñibles no perfil de Youtube de Cruz Vermella. Toda a información adicional pódese consultar nesta mesma web www.cruzvermella.gal
Un ano do Plan Cruz Vermella Responde
O lanzamento deste documental prodúcese cando se cumpre un ano da posta en marcha do Plan Cruz Vermella Responde, mediante o que a Organización traballou para dar apoio á sociedade co fin de facer fronte ao impacto da Covid-19. Un impacto que se está producindo non só a nivel sanitario, senón tamén económico, educativo e social: son moitas as persoas que necesitan axuda para cubrir as súas necesidades básicas ou para atopar un traballo; existen nenas e nenos con problemas de acceso á educación ou persoas maiores que precisan asistencia e acompañamento. “A duración da pandemia está a requirir un esforzo continuado no que a Organización se vai adaptando ás diferentes etapas co obxectivo de poñer o acento no que se necesite en cada momento, e sempre baixo as áreas sobre as que realizamos a nosa actividade: emprego, inclusión social, educación, saúde, socorros e emerxencias, e medio ambiente”, conclúe a presidenta de Cruz Vermella na provincia da Coruña, Mercedes Casanova.
Podedes ver o vídeo promocional aquí e o documental completo aquí.